O Ara Solis é o símbolo dos Premios Galicia de Turismo

Os galardóns son obra do artesán Jose Maria Mayer Segade e foron realizados coa colaboración de “Artesanía de Galicia”

Santiago, 25 de novembro de 2019.- O Ara Solis, símbolo dos Premios Galicia de Turismo, é tamén a figura elixida como representación dos galardóns que se entregarán aos premiados nesta primeira edición do certame.

Segundo a lenda, foi Décimo Junio Bruto (o avó de Bruto, protagonista da conspiración dos “Idus de Marzo” contra Julio César) quen atopou o Ara Solis cando chegou a Fisterra. Este “altar do sol”, que tamén forma parte das lendas xacobeas, simboliza que Galicia é unha ventá ao instante máxico no que o astro se agocha nun lugar secreto baixo o mar. “Quen segue ao sol, chega a Galicia e celebra a festa das respostas”, di a sabedoría popular.

Os Ara Solis, que se entregarán na gala que terá lugar o vindeiro 3 de decembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, son obra do artesán Jose Maria Mayer Segade e foron realizados coa colaboración de “Artesanía de Galicia”. Trátase dunha figura feita con madera de nogal, prata, latón e aluminio, que representa o instante máxico do solpor.

Os Premios Galicia de Turismo son o máximo recoñecemento que outorga a industria turística a persoas, institucións e entidades polo seu traballo a prol da consolidación de Galicia como destino turístico acolledor, contemporáneo, innovador, de calidade e respectuoso co medio ambiente natural. Nacen en 2019 con vocación de continuidade e para ser concedidos cunha periodicidade anual polo Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia nun esquema de colaboración público – privado integrado na planificación estratégica do desenvolvemento turístico da Comunidade.

Scroll to top