Outorgados os Premios Galicia de Turismo 2019

A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o vindeiro 3 de decembro

Santiago, 28 de novembro de 2019.- Un xurado presidido por Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, decidiu outorgar os Premios Galicia de Turismo 2019 a: o proxecto de restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela na categoría Patrimonio; a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2021 na categoría Promoción; a axencia especializada no Camiño de Santiago Pilgrim Travel na categoría Vangarda; o Resurrection Fest na categoría Evento; e a asociación Camiño dos Faros na categoría Sostibilidade.

O veredicto correspondeu a un xurado composto por: Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia; José Luis Maestro, director de Competitividade de Turismo de Galicia; Alfonso Martínez, representante do Consorcio Turístico de Empresarios de Sanxenxo; Jesús Picallo, presidente de Solpor, Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía; Sara Santos, presidenta da Asociación Hostelería de Compostela; Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas; Francisco González, representante no Clúster pola Asociación de Empresarios de Hospedaje de Pontevedra (ASEHOSPO); José Antonio Fraiz, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo; Tomás Abeigón, director de Negocio Turístico de Banco Sabadell; e Rodrigo Burgos, director de MEGA: Mundo Estrella Galicia.

“As máis de 160 candidaturas recibidas demostran o altísimo nivel das iniciativas que se están a poñer en marcha en prol do desenvolvemento e promoción da nosa rexión e a consolidación de Galicia como un destino turístico acolledor, innovador, de calidade e respectuoso có medio ambiente”, subliñou Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, quen quixo, ademais, transmitir no nome de todo o xurado e o comité organizador dos premios os parabéns, no só aos premiados se non tamén a tódolos candidatos que optaban a un destes galardóns. “Non foi doado para o xurado deixar fóra algunhas propostas. Estivo moi rifado”, engadiu. 

Scroll to top