24 LOCALIZACIÓNS OPTAN Á CATEGORÍA ESCENARIO DOS PREMIOS GALICIA DE TURISMO

O galardón decidirase a través dunha votación aberta na web premiosgaliciadeturismo.gal

Santiago, 18 de outubro de 2019.- Un total de 24 localizacións de toda Galicia compiten na categoría Escenario da primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, que se entregarán nunha gala que terá lugar en decembro na Coruña.

O premio Escenario decidirase a través dunha votación aberta na que xa se pode participar na web premiosgaliciadeturismo.gal e recoñecerá unha localización natural, urbana, histórica ou cultural destacada pola súa beleza, relevancia, coidado e conservación

Os lugares que optan a esta categoría son:

Na Coruña: a Torre de Hércules, na Coruña; a Praza do Obradoiro, en Santiago; os cantís de Fisterra; a Ruta Modernista de Ferrol, a fervenza do Xallas ou Ézaro, en Dumbría; e as Fragas do Eume, en Pontedeume.

En Lugo: a praia das Catedráis, en Ribadeo; Cabo do Mundo, en Chantada; a muralla romana de Lugo, a aldea de Piornedo, nos Ancares; o Fuciño do Porco, no Vicedo e Pedrafita do Cebreiro.

En Ourense: Ribadavia; Allariz; a Baixa Limia e Serra do Xurés, en Lobios; o mosteiro de Oseira, en Cea; a Ponte Vella, en Ourense e o miradoiro de Cabezoás, en Parada de Sil.

En Pontevedra: as illas Cíes, en Vigo; a fervenza do Toxa, en Silleda; a praia da Lanzada, no Grove; a desembocadura do Miño dende Santa Tegra, na Guarda; a igrexa da Peregrina, en Pontevedra; e a península de Monterreal, en Baiona.

Os Premios Galicia de Turismo son promovidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e pola Industria, representada polo Clúster Turismo de Galicia.

O prazo para as votacións, así como para a presentación de candidaturas aos premios, finaliza o 10 de novembro. Ademáis, a partir de hoxe, as persoas que voten a través de web optarán a un sorteo de tres estancias nun hotel de cinco estrelas.

O premio Escenario será unha das nove categorías que compoñen os Premios Galicia de Turismo nesta primeira edición. Por unha banda, o Clúster Turismo de Galicia concederá tres distincións a persoas destacadas pola promoción da nosa Comunidade e a súa aportación á industria turística. Serán o premio Embaixador ou Embaixadora Nacional, o premio Embaixador ou Embaixadora Internacional, e o premio Pioneiro ou Pioneira. Por outra banda, haberá cinco premios que recoñecerán o traballo de persoas ou entidades en prol do desenvolvemento turístico de Galicia. Serán concedidos por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e formado por representantes da Industria, da Administración e da Universidade. Trátase dos premios Vangarda, Sostibilidade, Patrimonio, Promoción e Evento.

Scroll to top