JAVIER VEIGA PRESENTARÁ A GALA DA PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS GALICIA DE TURISMO

A cerimonia de entrega de galardóns celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o vindeiro 3 de decembro

Santiago, 8 de novembro de 2019.- A primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, convocados polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, contará como mestre de cerimonias co actor Javier Veiga (O Grove), encargado de conducir unha gala que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 3 de decembro.

Os nove galardóns correspondentes ás nove categorías que compoñen esta primeira edición dos Premios Galicia de Turismo serán entregados no transcurso dunha cerimonia que contará, ademáis, coa actuación musical de Tanxugueiras, entre outras sorpresas.

Os galardóns que se entregarán o 3 de decembro son os correspondentes aos premios Vangarda, Sostibilidade, Patrimonio, Promoción e Evento –estes cinco premios serán outorgados ó longo deste mes de novembro por un xurado formado por representantes da Industria, da Administración e da Universidade-, ademáis do premio Escenario –que se establecerá a través dunha votación aberta na web premiosgaliciadeturismo.gal a partir dunha selección de fotografías de 24 recursos turísticos de Galicia polo Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia-, e os tres recoñecementos honoríficos: Embaixador ou Embaixadora Nacional, Embaixador ou Embaixadora Internacional, e Pioneiro ou Pioneira.

O prazo para votar ao mellor escenario de Galicia, así como para presentar candidaturas aos premios Vangarda, Sostibilidade, Patrimonio, Promoción e Evento remata o vindeiro domingo 10 de novembro ás doce da noite.

Os Premios Galicia de Turismo son o máximo recoñecemento que outorga a industria turística a persoas, institucións e entidades polo seu traballo a prol da consolidación de Galicia como destino turístico acolledor, contemporáneo, innovador, de calidade e respectuoso co medio ambiente natural. Nacen en 2019 con vocación de continuidade e para ser concedidos cunha periodicidade anual polo Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia nun esquema de colaboración público – privado integrado na planificación estratégica do desenvolvemento turístico da Comunidade.

Scroll hacia arriba