O recoñecemento foi outorgado polos participantes na enquisa aberta ata onte na páxina web premiosgaliciadeturismo.gal.
Santiago, 11 de novembro de 2019.- Ribadavia será recoñecida nos Premios Galicia de Turismo 2019 co galardón ao mellor “Escenario”, que se entregará durante a gala que terá lugar o vindeiro 3 de decembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
O premio “Escenario”, que recoñece a mellor localización natural, urbana, histórica ou cultural destacada pola súa beleza, relevancia, coidado e conservación de Galicia, foi outorgado polos participantes na enquisa aberta ata onte á noite na páxina web premiosgaliciadeturismo.gal. Rivadavía competía neste ranking con outras 23 localizacións de Galicia (24 en total, 6 de cada provincia) preseleccionadas por un comité do Cúster Turismo de Galicia: Allaríz, Mosteiro de Oseira, Mirador de Cabezoás, Serra do Xurés, a Ponte Vella de Ourense, Torre de Hércules, Fragas do Eume, acantilados de Fisterra, Fervenza do Xallas ou Ézaro, Praza do Obradoiro, Ruta Modernista de Ferrol, Fuciño do Porco, Cabo do Mundo, Muralla Romana de Lugo, Praia das Catedrais, aldea de Piornedo, Pedrafita do Cebreiro, Illas Cíes, desembocadura do Miño dende Santa Tegra, praia da Lanzada, Fervenza do Toxa, península de Monterreal e capela da Peregrina de Pontevedra.
Con 1.662 votos, a vila ourensana resultou a máis votada, seguida da coruñesa Torre de Hércules (1279 votos) e do lucense Fuciño do Porco (1094 votos). Os Premios Galicia de Turismo son o máximo recoñecemento que outorga a industria turística a persoas, institucións e entidades polo seu traballo a prol da consolidación de Galicia como destino turístico acolledor, contemporáneo, innovador, de calidade e respectuoso co medio ambiente natural. Nacen en 2019 con vocación de continuidade e para ser concedidos cunha periodicidade anual polo Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia nun esquema de colaboración público – privado integrado na planificación estratégica do desenvolvemento turístico da Comunidade.