Premios Galicia de Turismo

Os Premios Galicia de Turismo 2019, convocados polo Clúster Turismo de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, rexeranse polas seguintes

BASES

PRIMEIRA. A primeira edición dos Premios Galicia de Turismo, correspondentes ao ano 2019, constará de nove premios, de acordo coas seguintes categorías:

  1. Embaixador ou Embaixadora Nacional. Recoñecerá a unha persoa física de prestixio e trascendencia pública no ámbito nacional que destacara pola súa contribución á difusión de Galicia como destino turístico.
  2. Embaixador ou Embaixadora Internacional. Recoñecerá a unha persoa física de prestixio e trascendencia pública no ámbito internacional que destacara pola súa contribución á difusión de Galicia como destino turístico.
  3. Pioneiro ou Pioneira. Recoñecerá a traxectoria dunha persoa física na potenciación e desenvolvemento do turismo en Galicia dende o ámbito profesional ou empresarial. Este premio valorará especialmente o traballo de persoas que abriran novos camiños ou experiencias de éxito no eido do turismo.
  4. Premio Vangarda. Recoñecerá unha iniciativa, persoa física ou entidade xurídica que destacara pola posta en marcha de accións que impliquen unha novidade conceptual ou innovación tecnolóxica.
  5. Premio Sostibilidade. Recoñecerá unha iniciativa, persoa física ou entidade xurídica que contribuira ao desenvolvemento do turismo sostible en Galicia.
  6. Premio Patrimonio. Recoñecerá unha iniciativa, persoa física ou entidade xurídica que contribuira a manter ou mellorar o patrimonio histórico, artístico ou cultural de Galicia.
  7. Premio Promoción. Recoñecerá unha acción de marketing e/ou comunicación realizada por unha persoa física ou xurídica que contribuira a potenciar a imaxe de Galicia como destino turístico.
  8. Premio Evento. Recoñecerá o papel dun evento ou celebración realizado por unha persoa física ou xurídica na promoción de Galicia como destino turístico.
  9. Premio Escenario. Recoñecerá unha localización natural, urbana, histórica ou cultural destacaba pola súa beleza, relevancia, coidado e conservación, a través dunha votación aberta a partir de fotografías.

SEGUNDA. Os premios terán carácter honorífico e, en consecuencia, carecen de dotación económica.

TERCEIRA. O veredicto dos premios corresponderá a un xurado composto por:

  • Categorías A, B, C:
    • Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia (ou unha comisión formada por persoas do Consello executivo do Clúster de Galicia designadas para tal fin).
  • Categorías D, F, G e H:
    • O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia (ou persoa na que delegue), que actuará como presidente do xurado.
    • O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia (ou unha comisión formada por persoas do Consello executivo do Clúster de Galicia designadas para tal fin).
    • 3 representantes académicos (un de cada unha das Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña) propostos polos seus respectivos centros e designados polo Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia.
    • Un representante de cada unha das entidades patrocinadoras “premium” dos Premios Galicia de Turismo propostos polas entidades e designados polo Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia.
  • Categoría I:
    • O premio da categoría I establecerase a través dunha votación aberta na web premiosgaliciadeturismo.gal a partir dunha selección de fotografías de 24 recursos turísticos de Galicia polo Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia.

CUARTA. Os premios das categorías A, B e C concederánse de maneira directa.

QUINTA. As candidaturas dos Premios das categorías D, E, F, G e H serán presentadas por persoas físicas ou xurídicas mediante o formulario dispoñible nas webs premiosgaliciadeturismo.gal ou clusterturismodegalicia.com ou ben enviando o formulario cuberto por correo electrónico a candidaturas@premiosgaliciadeturismo.gal.

Unha mesma candidatura das categorías D, E, F, G e H non pode ser proposta para dúas modalidades polo mesmo propoñente.

SEXTA. O premio da categoría I establecerase a través dunha votación aberta na web premiosgaliciadeturismo.gal a partir dunha selección de fotografías de 24 destinos turísticos de Galicia polo Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia.

O premio concederase de forma xenérica a un destino turístico e se entregará a un representante da entidade ou Administración encargada da sua xestión.

O prazo de votacións na web estará aberto dende a data de publicación destas Bases até as 24:00 h. do 10 de novembro de 2019.

SÉPTIMA. A presentación das candidaturas poderase realizar dende a data de publicación destas Bases até as 24:00 h. do 10 de novembro de 2019.

OCTAVA. Os premios non poderán declararse desertos en ningunha das súas categorías.

NOVENA. Os premios serán concedidos tras a reunión do Xurado, que se celebrará en novembro en Santiago de Compostela.

DÉCIMA. A entrega do premio efectuarase nun acto público, convocado na Coruña ao longo do mes de decembro de 2019, ao que se dotará da trascendencia, solemnidade e publicidade axeitadas.

Scroll to top